‘A danza de Salomé’, de Oscar Wilde, con Arjé Teatro

Nova e magnífica escenificación de Arjé, o grupo de teatro do IES Breamo de Pontedeume que non nos deixa de sorprender ano tras ano. Nesta primavera a obra é A danza de Salomé, do dramaturgo irlandés Oscar Wilde. Moi ben por Laura, Sergio, Nuria, Isi, Mateo, Dani, Fran, Mario, Antón, Elena e Miguel. Dez horas de ensaio semanais que producen uns extraordinarios resultados!

Aquí podedes escoitar unha reportaxe sonora da representación, coas opinións das actrices e actores e a intervención do codirector, Fernando Querol.

Próxima representación: venres 16 de xuño no IES Breamo. Parabéns todas e todos. E a seguir!

Con Nathalie, Antonia e Rachid, desde Mayotte a Pontedeume

Nathalie, Antonia e Rachid, profesores de ensino secundario na illa de Mayotte, pasaron uns días connosco no IES Breamo para contarnos sobre o lugar onde traballan, esa afastada illa no Océano Indico tan descoñecida para nós. Eles estiveron nas nosas clases e trouxéronnos os sabores, os sons e os arrecendos daquelas terras tropicais, xunto co relato do xeito e as condicións de vida naquel muticultural territorio.

Fixémoslles unha entrevista para a radio. Aquí a tedes:

Seguiremos traballando xuntos!

Ponte en Galego chega ao programa número 50!

Escoita a edición número 50 de Ponte en Galego, que este ano fan os alumnos e alumnas de primeiro de ESO Uxía Allegue, Antón Carballeira, Mario Fraga, Paula Gutiérrez Curbeira, Brais Iglesias, Carla Leira, Claudia Rivera, Abril Varela Fachal e Xoán Varela Veiga.

Tamén contamos coa colaboración de rapaces e rapazas doutros cursos que envían os seus podcasts.

Tíralle da Lingua 2017

Outro ano máis os alumnos e alumnas do IES Breamo participamos na fase final do Tíralle da Lingua, ese certame de narración oral que organiza anualmente a AS-PG. Este ano os perticipantes, que actuaron diante dun numeroso público no Teatro Principal de Santiago, foron Xabier Calvo (2º Bac.) e Nuria Fernández (3º ESO), xunto con Daniel Arias, Mario Fraga, Diego García Legarra e David Gutiérrez Curbeira, todos eles de 1º curso de ESO.

Aínda que non houbo sorte cos premios, todas e todos eles estiveron moi brillantes na súa actuación. Parabéns aos gañadores!

Cos nosos maiores

Participamos cos nosos maiores na actividade Fálame da emigración. O valor da experiencia. Ezequiel. Rosa, Carmen e Joaquín son persoas de Pontedeume que no seu día foron emigrantes. Elas e eles compartiron a súa experiencia coas alumnas e alumnos de 2º de ESO. 

Concurso de Microrrelatos 2017

8º Concurso de Microrrelatos. Estas son as bases. Participa!

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Breamo convoca o sétimo certame de microrrelatos dirixido á comunidade educativa do IES Breamo, de acordo coas bases que a continuación se especifican.

FORMATO: O texto presentado debe de ser en galego e non conter máis de 600 caracteres, (aproximadamente 8 liñas), sen contar o título e o pseudónimo da persoa participante. O formato do texto será: Times New Roman, tamaño 12, xustificado a dobre espazo. O microrrelato estará precedido por un título en negriña e asinado por pseudónimo en cursiva (o mesmo pseudónimo para todas as obras enviadas pola mesma persoa) e a categoría á que pertence.

TEMA: A temática será libre.

CATEGORÍAS: Establécense tres categorías: Categoría A: alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO. Categoría B: alumnado de 4º de ESO e Bacharelato. Categoría C: profesorado, persoal non docente, pais e nais de alumnos-as do centro.

PROCEDEMENTO: A persoa participante no concurso deberá entregar na Secretaría do instituto un sobre grande anónimo que conteña no seu interior o microrrelato (ou microrrelatos) que presente a concurso, sen que conste o nome, pero si o título, o pseudónimo e a categoría, e un sobre pequeno ou plica, pechado, no que deberá escribir por fóra: 8º Concurso de microrrelatos do IES Breamo, o pseudónimo empregado e a categoría á que se presenta, e dentro incluír os seus datos persoais: o nome e apelidos, curso e, se se presenta á categoría C fará constar tamén o documento de identidade, un número de teléfono e, se é pai ou nai dun alumno ou alumna do centro, indicará tamén o nome do seu fillo ou filla.

PRAZO: As obras poderán ser presentadas na Secretaría do IES Breamo até o venres 26 de maio. Os microrrelatos gañadores daranse a coñecer no blog do EDLG As Gabarras, na web do IES Breamo na semana das Letras Galegas e no programa de radio Ponte en Galego! despois do fallo do xurado.

XURADO: O xurado estará composto por dous representantes do profesorado, dous representantes do alumnado pertencentes ao EDLG e un representante do persoal non docente.

PREMIOS: Haberá un premio en cada categoría. No caso de que algunha das categorías non acade premio por falta de calidade dos traballos presentados, poderá adxudicarse un segundo premio a outra categoría. O acto de entrega de premios terá lugar no Salón de Actos do IES Breamo o día e hora que se indique cando se faga público o fallo do xurado. Os traballos premiados en todas as categorías, poderán ser expostos nas páxinas web e blogues do centro.

 

Aprendemos a facer podcasts con Damián Alonso

O actor e experto en dobraxe Damián Alonso ensinounos como facer un podcast con expresividade e clareza. Foi unha mañá enteira de traballo xunto con alumnos e alumnas de primeiro, segundo e terceiro de ESO, que agora andan a compor os seus podcasts co Audacity, para participaren no programa de radio Ponte en Galego! e no I Concurso de Podcasts IES Breamo que está en marcha.

Grazas, Damián!